14 oct 2012

Presentación Centro Ágora

Ocorrida o 15 de maio de 2012. Había unha chea de xente, se na presentación de Aenea estaba nerviosa, agora, semellaba un león dentro dunha gaiola. Cheguei ó centro Ágora case corenta minutos antes da presentación do libro e estiven a pasear arriba e abaixo pola sala para ver se me facía co espazo antes de chegar ninguén. Ó final resultou ben. Aqui tedes algunhas das fotos dese momento.

 Nesta presentación, como xa tiven máis tempo para preparala levei o material co que construíra a historia(fotos, esquemas, o caderno onde vou argallando os capítulos, ...), aquí estou amosando a foto que utilicei para a historia de O Gardián do Bosque e O Vixiante.





Como vedes debemos de pasalo ben porque o meu compañeiro está rindo e eu semella que tamén. Realmente non esperaba tanta xente como a que houbo e aínda que ó principio, como xa dixen, estaba moi nerviosa, ó final estaba tan embalada que tiveron que pararme para que non seguise falando horas e horas, porque cando quero sonche o demo e podo enlearme de mala maneira, o mesmo que cando escribo.

22 ago 2012

Presentación na librería Aenea (Santiago)

Ocorrida o 2 de abril de 2012, co gallo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Rodeada de xente fenomenal e ó redor dunhas cuncas de té, case como se estivese en casa, transcorreu a presentación do libro O enigma dos Nove Sepulcros. Velaiqui unhas fotos do evento. Eu son a que está co pelo curto á esquerda da foto, una bulebule ó principio pero moi faladora ó final.



Esta rapaza é Xoana Álvarez Martín, ilustradora de Plof. Historia dun globo de Contos estraños, unha persoa fantástica e con moito talento. Mágoa que non puidese estar Jara Zambrano, que foi quen fixo a portada do meu libro. Neste blog, seguro que vos dariades de conta, poderedes admira-lo seu traballo ó grande, pois o debuxo de fondo do blog é dela.
¿Prestádevos as miñas costas? Están moi ben, ¿vai que non minto? A verdade é que non me gusta saír nas fotos, así que xa sabedes, poderédesme recoñecer polas costas. As costas que están á miña dereita son as de Rodrigo Vizcaíno, da editorial Urco.
Como podedes comprobar son unha persoa orixinal, puxen as fotos en orde inverso. Esta corresponde ó comezo da presentación do libro, cando estaba practicamente soa coa xente da libraría e con dous amigos meus de Santiago, ó marido non se lle ve, pero a miña amiga Amelia é esa muller sorrindo no fondo e con gafas.

Entrevista en La Opinión

Foi o 9 de maio de 2012. Por se non vos decatastes fixéronme unha entrevista en La Opinión. ¿Vedes como me poño moi nerviosa cando teño que saír nunha foto? A min préstame estar detrás da cámara, non diante. A foto foi tirada nos arredores da Escola Oficial de Idiomas. Afortunadamente foi nun sitio afastado e non tiven que ruborizarme porque me estivese observando ninguén.